CRTVG

Buscar

Pechan ximnasios, centros cívicos, conservatorios, escolas de idiomas e bibliotecas

Publicado o 26/01/2021 13:50

Hai establecementos que pechan e apuran as últimas horas de traballo. Son ximnasios, bibliotecas, centros cívicos, escolas de idiomas e conservatorios. Tanto os donos como os usuarios acollen con resignación esta medida, que, malia vérena necesaria, aseguran que lles causa problemas. Din que están a cumprir con todos os regulamentos sanitarios para evitar os cantaxios, coa ocupación, espaciando clientes e empregando todo tipo de medidas. O impacto nos petos dos seus donos é grande.

Amaro Núñez, xestor do ximnasio TAEPAR-Equilátero, di: "Non entendemos como se considera os ximnasios como ocio, cando está demostrado que o exercicio físico mellora o sistema inmunitario. Tamén axuda ao nivel de control de ansiedade, estrés... todos estamos vendo en maior ou menor medida as vidas afectadas e esa hora de desconexión dúas ou tres veces a semana non só é saúde física, tamén mental".

Os centros cívicos xa reduciron a súa actividade suspendendo cursos e limitando tamén a ocupación. O seu peche tamén deixa sen servizo aos seus usuarios.

Unha muller que acode ao centro cívico do Ensanche afirma que vai todos os días traballar. "Se pecha este centro, será un problema para min. Agora é todo teletraballo e os que non temos wifi vimos a centros coma este e a bibliotecas a traballar. Para nós este servicio é esencial".

As escolas de idiomas e os conservatorios pechan tamén para evitar desprazamentos.

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, afirma que hai alumnado que vén de concellos veciños e profesores tamén.

E José Luis Quintás, director do Conservatorio de Santiago, di que van facer todo o posible para que a docencia non se resinta.

As novas restricións pola pandemia afectan de igual xeito as bibliotecas. A medida tenta evitar que se formen aglomeracións nos lugares con maior afluencia de estudantes.

Noticias web

26/01/2021