CRTVG

Buscar

Pechan o cuartel da Garda Civil de Santa Comba logo de detectárense positivos

Publicado o 27/03/2020 17:09
Pechan o cuartel da Garda Civil de Santa Comba logo de detectárense positivos

O cuartel da Garda Civil de Santa Comba, cunha decena de traballadores, pechouse ao público despois de detectárense casos positivos por coronavirus, polo menos, o dun axente das forzas e corpos de seguridade.  

Fontes municipais ratificaron a Europa Press que aínda non se coñece a cifra das persoas que están afectadas, pero que o número de positivos pode ser maior polos contactos con familiares e outros axentes. En días anteriores, a Garda Civil xa tiña coñecemento de polo menos un infectado polo virus nesta localidade coruñesa.  

Dáse a circunstancia de que nesta localidade tamén deu positivo a titular da farmacia Central, a licenciada Paz García Núñez, a que está situada na rúa Alfonso Molina. Na páxina da súa rede social Facebook informou de primeira man deste contaxio, que supuxo tamén o illamento das compañeiras coas que compartía quenda, mentres que a atención ao público segue co outro grupo de traballadoras que se estableceu e co que se eliminou o contacto precisamente por se ocorría un contaxio. 

En Galicia había contabilizados oficialmente oito membros da Garda Civil infectados en días anteriores -dous na Coruña-, aos que hai que sumar nove membros da Policía Nacional contaxiados -un deles ingresado-, segundo datos do SUP a data deste venres.