CRTVG

Buscar

Pechan o centro de maiores en que residía en Madrid a cuarta falecida

Publicado o 06/03/2020 09:30
Pechan o centro de maiores en que residía en Madrid a cuarta falecida

Unha muller do Centro Municipal de Maiores da localidade madrileña de Valdemoro morreu por coronavirus. É a cuarta vítima mortal en España e a segunda na Comunidade de Madrid. Outras 19 persoas deron positivo, 16 delas usuarias ou traballadoras desta residencia, que foi clausurada.

O Concello de Valdemoro pechou este xoves á tarde este centro de día ao seren confirmados 20 casos de coronavirus, entre eles o da muller falecida e os doutras catro persoas que están ingresadas na UCI, segundo confirmaron fontes do Goberno rexional e do local.

A orde de peche deuna a Dirección Xeral de Saúde Pública da Comunidade de Madrid, que remitiu unha instrución ao consistorio ordenando o peche temporal do centro e mais a suspensión de todas as súas actividades a fin de evitar o contaxio e conter a propagación da enfermidade mentres persista a situación de risco para usuarios e traballadores.

Ante esta situación, o Concello de Valdemoro constituíu unha Comisión Municipal de Seguimiento do COVID-19 na cal están incluídos os responsables das áreas municipais de Saúde, Servizos Sociais, Seguridade e Urxencias, Prevención de Riscos Laborais, Maiores, Servizos á Cidade e Comunicación, e tamén da empresa pública Gesvival.
Nun comunicado difundido polas redes sociais, o Concello de Valdemoro pediu "tranquilidade" a todos os seus veciños, avanzando que ao longo da mañá farase chegar unha comunicación a todos os empregados municipais.
O consistorio permanece "en contacto directo e continuo" coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Comunidade de Madrid a fin de "garantir a seguridade e a prestación dos servizos públicos en todos os centros e dependencias municipais".

Noticias web

06/03/2020