CRTVG

Buscar

Illados os alumnos dunha ruta de autobús escolar en Tui e pecha un colexio en Celanova

Publicado o 14/10/2020 18:26
Illados os alumnos dunha ruta de autobús escolar en Tui e pecha un colexio en Celanova

Un positivo detectado nun instituto de Tui obrigou a poñer en corentena a todos os alumnos da ruta escolar que conecta a este municipio e Salceda de Caselas.

Así o trasladaron fontes municipais, quen indicaron que a medida afecta tamén á clase na que cursa estudos o mozo.

A situación afecta alumnos dun total de dous institutos, en concreto ao IES Indalecio Pérez Tizón e o IES San Paio, que son os que comparten este transporte en autobús (preto de 50).

O primeiro destes centros é o único que conta, de momento, con casos positivos por covid-19, cun total de tres casos segundo o último parte facilitado pola Xunta.

Por outra banda, Sanidade notificou este mércores un aumento de 65 casos positivos vencellados a centros educativos, acadando un total de 486.

Do total, 181 pertencen á área sanitaria de Ourense, a máis afectada, onde pecha un colexio en Celanova.

A situación por áreas queda así:

• Ourense: 181 (+23)

• A Coruña: 82 (+8)

• Santiago: 75 (+17)

•  Vigo: 65 (+14)

•  Pontevedra: 46 (+3)

•  Ferrol: 19 (+9)

• Lugo: 18 (-9)

No tocante ás aulas pechadas, en Galicia hai 23, o mesmo número ca na última actualización (o sábado pasado), mais non nos mesmos colexios.

A Coruña tivo un balance de peche de 5 aulas na súa área. En Vigo abriron tres aulas e o centro que permanecía pechado. En Ourense, porén, bota o peche un centro, a E.I. María Ana de Celanova.

As aulas pechadas por áreas quedaría:

• Ourense: 7 (-1)

• A Coruña: 7 (+5)

• Santiago: 5 (-1)

•  Vigo: 3 (-3)

•  Pontevedra: 1 (=)

•  Ferrol: 0 (=)

• Lugo: 0 (=)

 

Preme para saber todos os colexios afectados