CRTVG

Buscar

Pecha un centro de saúde de Madrid tras detectar un gromo con nove positivos

Publicado o 18/08/2020 17:17
Pecha un centro de saúde de Madrid tras detectar un gromo con nove positivos

A Comunidade de Madrid ordenou o peche temporal do centro de saúde V Centenario, na localidade madrileña de San Sebastián de los Reyes, tras detectar un gromo de coronavirus entre os seus profesionais, con nove casos positivos, aínda que non requiriu ningún de ingreso hospitalario.

Outros 23 traballadores están pendentes da confirmación de resultados e dous xa deron negativo, segundo indica este martes a Consellería de Sanidade nunha nota de prensa.

Os pacientes usuarios deste centro foron distribuídos entre os sete centros de saúde máis próximos, situados en San Sebastián de los Reyes e no municipio lindeiro de Alcobendas.

Por outra banda, Saúde Pública deberá determinar que contactos son os que teñen que facer a proba PCR para saber se foron contaxiados por coronavirus, segundo indican fontes da consellería.

O Concello de Zaragoza pecha a súa terceira planta por un gromo da covid

Por outra banda, o Concello de Zaragoza tomou a decisión de clausurar a terceira planta do palacio municipal tras confirmarse a última hora da mañá de hoxe tres casos positivos por covid-19 entre os traballadores do servizo local de Organización.

Esta decisión, tomada de común acordo con Saúde Pública do Goberno aragonés, prodúcese horas despois de confirmarse outros dous positivos nas dependencias do servizo telefónico de información municipal do 010, situadas na mesma planta do consistorio e pechadas á súa vez esta mañá, informa a Corporación nun comunicado.

Aínda que o departamento de Organización e o servizo do 010, con outras catro traballadoras á espera dos resultados da proba PCR, atópanse en espazos moi afastados e era posible manter aberta a maior parte da terceira planta do edificio municipal, o Concello optou por pechala por completo para adoptar a maior medida de protección posible.

A desinfección da devandita planta do consistorio levaráa a cabo un equipo do corpo de bombeiros da cidade durante a xornada de mañá.