Alcoa convoca os traballadores de San Cibrao para tratar o futuro da planta
• A empresa anuncia "medidas laborais" ante a situación "insostible" da factoría
• Os traballadores non agardan "nada bo" da xuntanza
• 40 anos como referente industrial e económico da provincia de Lugo
A dirección de Alcoa convocou o comité de empresa a unha reunión que terá lugar este xoves para informar a representación legal dos traballadores da "situación insostible" a que se enfronta a planta de aluminio” e "as medidas que están a ser consideradas polo grupo, incluídas medidas laborais”. Na planta de Alcoa traballan máis de mil persoas.
O presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, aclara que “esta reunión non se convoca para iniciar formalmente ningún procedemento legal oficial”, senón para abrir un “período de conversas informais para explicar en detalle a situación actual” e as súas “causas”.
En todo caso, tamén avisa de que ese encontro ten que servir para “discutir alternativas e medidas” sen a presión do prazo legal”. A reunión realizarase entre as 12:00 e as 14:00 horas nun restaurante de Lugo.
Os representantes dos traballadores, visto o ton do comunicado e a referencia a "medidas laborais", recoñecen que esta convocatoria non os fai "esperar nada bo".
Alcaldes da Mariña formarán unha fronte común para defender os empregos en Alcoa
Francisco Cajoto, alcalde de de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, amosou a súa preocupación sobre o futuro da factoría, polo que convocou aos demais rexedores da comarca a unha reunión urxente que se celebrará mañá venres, a partir das 19:30 h para establecer unha fronte común en defensa dos empregos que xera a planta.
"Polas informacións que nos chegan, podería pechar toda a planta de aluminio”, dixo Francisco Cajoto, o que suporía a perda de 500 empregos directos, ademais dos postos de traballo que, de forma indirecta, xera o funcionamento desta fábrica na comarca.
"Non podemos prescindir de ela", dixo o alcalde de Foz. Alentou á súa defensa ante o Goberno central, "para que aprobe ese estatuto das empresas electrointensivas", e ante a Xunta de Galicia "para que tamén faga os deberes dentro das competencias que ten atribuídas no marco do Estatuto de Autonomía en materia industrial".