CRTVG

Buscar

Paso atrás na desescalada: a ocupación nas terrazas limítase a dez persoas

Publicado o 14/07/2021 15:21

• Para acceder a locais de ocio nocturno será necesaria proba de diagnóstico negativa

• Os concellos de Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras sitúanse no nivel alto de restricións

A Xunta decidiu limitar as xuntanzas na hostalería a un máximo de seis persoas no interior e, a dez nos espazos exteriores e terrazas, en todos os niveis, salvo no alto (neste intres non hai ningún concello), en que segue a prohibición de abrir no interior dos locais.

Ademais, tamén se vai incrementar o control do lecer nocturno, xa que se esixirá unha proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación para acceder aos locais en todos aqueles concellos onde está permitida a súa apertura.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico, que decidiu situar en nivel alto de restricións os concellos de Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras.

Estarán en nivel medio Culleredo, Porto do Son, O Carballiño, Ribadavia, Sarria, Sanxenxo, Poio, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas de Reis, Salceda de Caselas e Boiro.

O conselleiro dixo que as novas restricións de reunións son polo momento recomendables para os domicilios e o ámbito privado, pero non se descarta facelas obrigatorias se a situación non mellora. Comesaña dixo que esta medida se adopta para "tratar de acoutar" o incremento de contaxios na poboación que máis preocupa, que é a máis nova, polo que hai que "volver atrás" e facer "unha paréntese" na desescalada.

O comité clínico decidiu tamén cambiar o sistema para establecer as restricións e optará, a partir de agora, por un "modelo variable" que se axustará non só en función da incidencia acumulada e os contaxios, senón sobre todo tendo en conta a presión hospitalaria. 

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste próximo sábado. No ocio nocturno, a Xunta de Galicia establece a obriga de presentar unha PCR ou test de antíxenos negativo (realizado nas últimas 72 hora) ou o certificado de vacinación completa, en todos os concellos, salvo nos que permanecen en nivel medio baixo, cuxa obriga será a partir do vindeiro martes. 

Noticias web

14/07/2021