Pasea cunha AK-47 polas rúas de Cee asegurando que uns sicarios o queren matar
Eran as 6 da mañá e estes berros desesperados despertaban os veciños de Cee. Un home descalzo, con chaleco antibalas e armado cun subfusil Kalashnikov e unha pistola pide socorro. "Axúdenme por favor, por favor axúdenme que me matan, por favor, chamen á policía por favor".
O que pide axuda é un coñecido hostaleiro de Muxía de 45 anos. Di que uns sicarios do clan dos lulús o perseguen para matalo e que teñen os seus fillos retidos:"Viñeron á casa e téñenme os 3 fillos retidos... e a miña moza está en complot con eles, co clan dos Lulús".
O home intenta entrar á forza en varios locais da zona. Pero non ten éxito. Varias patrullas da Garda Civil levárono despois ao hospital, ao parecer baixo os efectos do alcol e drogas.
Esta tarde trasladárono ao xulgado de Corcubión para que declare.