Pasan a disposición xudicial os tres últimos detidos polo narcosubmarino interceptado en Aldán
• Un novo detido en Valencia eleva a seis os arrestados
Pouco despois das dez da mañá pasaban a disposición xudicial os últimos tres detidos en relación coa droga incautada dentro do somerxible que apareceu hai máis dunha semana na ría de Aldán. Os tres chegaron por separado en dous coches da Garda Civil e da Policía Nacional para prestar declaración perante a xuíza do Xulgado de Instrución número un de Cangas.
Dous deles eran os encargados de prestar axuda na descarga en terra e o terceiro é o tripulante do narcosubmarino fuxido que viaxaba xunto aos dous ecuatorianos. Este último conseguiu refuxiarse durante varios días nesta cabana de madeira de Punta Couso na parroquia do Hío ata a súa detención o venres pasado.
Os tres poderían ser da comarca do Morrazo a pesar de levar a cabo un rexistro domiciliario na zona de Guixar en Vigo. Aquí os investigadores incautáronse de documentación e cartos.
O somerxible continúa na Zona Franca da cidade olívica. Aquí membros do grupo de criminalística da Garda Civil recollen probas. De feito, nas últimas horas atoparon outros 25 quilos de cocaína que estaba agochada no seu casco e que se suma ás tres toneladas atopadas no seu interior en 152 fardos.
Este achado xa se comunicou ao xulgado de Cangas para achegar novos datos a unha investigación aberta que está baixo segredo de sumario.
Un novo detido en Valencia eleva a seis os arrestados
A Garda Civil detivo en Valencia outro home relacionado co narcosubmarino interceptado o pasado sábado a escasas millas da praia de Hío, no municipio pontevedrés de Cangas do Morrazo, co que son xa seis os arrestados nesta operación.
Fontes da investigación indicaron a Efe que este home, natural de Vigo, foi detido ao redor do mediodía e era o encargado de organizar a descarga da droga -máis de 3.000 quilos de cocaína- e de dar cobertura os tres tripulantes da embarcación.
A detención levárona a cabo axentes da Garda Civil de Valencia grazas ás pescudas do Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) de Galicia, pertencente á Unidade Central Operativa (UCO) do instituto armado.