O xuíz envía a prisión o acusado de asasinar a irmá e a sobriña en Soutomaior
Esta tarde incineraron en Vigo os corpos de Genoveva e a súa filla Noelia. Ambas asasinadas a tiros o pasado venres en Soutomaior. Ducias de persoas acudiron ao tanatorio de Pereiró a darlles o último adeus.
Miguel Gil saía escoltado dos xulgados de Redondela para ingresar no cárcere da Lama. O xuíz decretou para el prisión provisional, comunicada e sen fianza. Acúsao de matar a irmá e a sobriña en Soutomaior.
En total atribúelle 3 delitos: dous de asasinato e un de tenza ilícita de armas.
Os feitos ocorreron o pasado venres. Ese día, sbre as tres e media da tarde, as mulleres acudiron á casa do home, en Monte Coello, para reclamarlle unha escada. E aí comezou unha discusión. O home disparoulles e foi á casa dunha veciña a confesar os crimes.
A muller foi comprobar se as vítimas estaban aínda vivas. Ao ver que xa non se podía facer nada por elas, avisou a garda civil.Os axentes comprobaron que as mulleres morreran a causa dos disparos. Unha tiña un único tiro e a outra dous.
O suposto agresor ten 52 anos e conta con antecedentes por posesión de armas, delitos de tráfico e ameazas.