O BNG asina a declaración de forzas nacionalistas pola autodeterminación da que se desmarcou o PNV
O BNG e outras nove forzas nacionalistas suscriben un manifesto en defensa do dereito de autodeterminación dos pobos e a liberación dos presos do procés. Os asinantes piden vías de diálogo co Estado ao que acusan de estar nunha deriva autoritaria e represiva. O PNV rexeita o manifesto por considerar que carece de espírito construtivo.
Olalla Rodil e Bieito Lobeira, asinaron en nome do BNG en Barcelona a "Declaración de LLotja de Mar". Nela dez forzas nacionalistas, entre elas Bildu, Esquerra Republicana e Junts per Cat reclaman un acordo político sobre a crise catalana. Defenden o dereito de autodeterminación e a liberación dos presos do procés. E denuncian que o Estado está nunha fase de regresión cunha deriva que consideran cada vez maís autoritaria e represiva e menos democrática.
"Unha aposta pola democracia polo diálogo. Os problemas non se solucionan con represión, en política o que se necesita é diálogo. Esa vai ser sempre a aposta do BNG. Negar a existencia dos problemas o único que fai e empeoralos", dicía Ana Pontón desde Galicia.
Os asinantes foron recibidos por Quim Torra no Palau da Generalitat que lles agradeceu o xesto. "Nuns momentos como os actuais nos dan a forza da solidariedade", díxolles o presidente catalán.
Da declaración de Llotja de Mar descolgouse o PNV que ten asinado outros manifestos das forzas nacionalistas. Consideran que o sucrito este venres en Barcelona carece de espírito construtivo e se fai nun momento inoportuno, a só dez días dunhas eleccións xerais.