Participa no cribado de Ribeira case o 65 % da poboación que fora citada
O aumento de casos nos últimos días levaba a Sanidade a realizar un cribado masivo que comezou o xoves e rematou este domingo.
"Agora, a esperar o sms, se é positivo ou negativo, e a seguir, a seguir, a ver se isto para, e é o mellor xeito, polo menos facer o control", di un veciño que participou no cribado.
En total nestes catro días foron convocados algo máis de 5.000 veciños de entre 40 e 50 anos.
Segundo os datos facilitados por Sanidade, participaron 3.239 persoas, case un 65 % dos citados.
Tamén continúa en nivel de alerta máxima o concello da Estrada. Na contorna do val de Vea buscan casos positivos asintomáticos tras un gromo que quedaba descontrolado nos últimos días. O cribado realizouse durante toda fin de semana e rematou ás nove da noite do domingo. Estaban citadas unhas 2.500 persoas de doce parroquias. Aquí a participación parece que foi masiva, o sábado chegou ao 90 % dos citados.