CRTVG

Buscar

Parten desde Zaragoza os avións para evacuar os españois que agardan no aeroporto de Cabul

Publicado o 17/08/2021 09:31

Os militares que viaxan como escolta para evacuar o persoal español e os colaboradores locais que quedan en Cabul saíron nun primeiro avión da base de Zaragoza, pasadas as once e media da noite.

De momento, o Goberno non deu máis detalles de cando e como será a saída dende Cabul. Si teñen pechada a lista de persoas que van evacuar, entre persoal da embaixada, outros seis españois que seguen no país, segundo fontes diplomáticas, e cooperantes como os tradutores afgáns e as súas familias.

O caos no aeroporto de Cabul non facilita a operación e por iso os avións teñen Dubai como primeiro destino. O presidente do Goberno salientou que a comunidade internacional debe garantir a seguridade e dignidade do pobo afgán, especialmente dos máis vulnerables. Para a oposición, Pedro Sánchez está ausente nesta crise e pídenlle que compareza no Congreso para explicar a posición de España, como están facendo outros líderes europeos

O ministro de Asuntos Exteriores contactou cos grupos políticos para informalos do plan de evacuación e pediu unidade. Tamén agradeceu os ofrecementos das comunidades e concellos para acoller refuxiados. Outro xesto con Afganistán vímolo en Cibeles, esta noite, iluminada coas cores da súa bandeira como mostra de solidariedade.

Noticias web

17/08/2021