Parecía que marcharan, pero non: seguen chegando novas familias ao pazo ocupado en Lugo
O pazo da Fervedoira, en Lugo, segue a recibir novos moradores. Xa son tres as familias que o ocupan de xeito ilegal, entre as que se contan ata nove menores, a pesar de non estar en condicións para ser habitado. Pola súa parte, os propietarios do inmoble amósanse dispostos a denunciar esta usurpación do seu patrimonio.
Asier Barja, axente inmobiliario: "O outro día parecía que marcharan pola mañá, pero pola tarde volvemos ver os coches e a xente por aquí", dinos o axente inmobiliario Asier Barja.
"Seguen sostendo que pensaban que a propiedade non tiña dono, a pesar de que hai carteis polas inmediacións. Nós falamos con eles, e a súa intención é seguir ata que haxa un xuízo. Din que o Concello non lles dan pisos nin axudas, que teñen solicitadas pero que non llelas dan. E por parte dos propietarios, o que van facer é seguir as indicacións que lles deron a policía e a xustiza, que consisten en denunciar agora e esperar a que haxa un xuízo, pois non poden facer moito máis".
Este novo caso de ocupación ilegal vén sumarse a outro dun edificio enteiro no veciño barrio do Sagrado Corazón. Nel levan meses residindo varias familias, que aseguran non ter onde ir.
"Axudas hai, o que pasa é que cambiaron a Seguridade Social e eu non sei a onde ir. Cando veña miña filla, xa me axudará para que me dean un piso ou o alugue de protección social, porque coa paga que estamos cobrando non nos chega para nada", dinos Adolfo Cortiñas, ocupante do inmoble.
"Viñemos para aquí porque el vivía noutro sitio, pero quitáronlle a casa. Botaron as persoas de alí, da súa casa. Cando chegamos, estaba a chover a cántaros e metémonos para dentro. E xa levamos uns seis meses aquí. Veu a policía tres veces e non nos dixeron nada", sostén Dolores Montoya, outra ocupante do inmoble.
Para teren luz, tiveron que realizar un empalme na rede eléctrica. O inmoble tampouco ten auga da traída, polo que teñen que ir buscala á fonte máis próxima.