CRTVG

Buscar

Paralizadas as vacinas de Janssen á espera do ditame da Axencia de Medicamentos

Publicado o 15/04/2021 08:22

Xa están en España as primeiras 146.000 doses da vacina monodose de Janssen, que, de momento, non se inocularán. Sanidade pide prudencia e agarda que o ditame da EMA, a Axencia Europea do Medicamento, sexa favorable para poder distribuíla canto antes.

O atraso na campaña de vacinación por mor desta paralización avaliouse na reunión do Consello Interterritorial de Saúde coas comunidades autónomas; nela, a ministra trasladoulles aos conselleiros autonómicos a súa confianza en poder manter os obxectivos marcados.

Desde que autorizada, a vacina de Janssen destinarase á poboación de 80 anos para abaixo. A de AstraZeneca, de 60 para arriba, para ter rematada entre abril e maio a vacinación dos grupos máis vulnerables. Esta semana debería acabarse de imnunizar os maiores de 80 anos.

A ministra de Sanidade asegurou que as vacinas son a mellor ferramenta para acabar coa pandemia e dar paso á recuperación, e reiterou que son seguras e eficaces, na liña da Organización Mundial da Saúde.

A día de hoxe, en España xa hai 8,2 millóns de persoas vacinadas cunha dose; 3 millóns xa teñen as dúas. Está pendente de decidir qué facer cos menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de AstraZeneca.

A comisión de vacinas está estudando tamén a petición da Comunidade de Madrid para que Sanidade permita aos menores de 60 anos vacinarse voluntariamente con AstraZeneca. A decisión tomaraa finalmente a Comisión de Saúde Pública.

Noticias web

15/04/2021