'Para acabar no chan', unha exposición de Damián Ucieda en Vigo
Publicado o 02/11/2020 17:39
No 2015, unha explosión controlada acabou cunhas torres de vivendas sociais en Glasgow, unha metáfora sobre a demolición do estado do benestar no Reino Unido.
O fotógrafo galego Damián Ucieda capturou o momento cun só disparo que permite unha cámara de placas e con outra dixital. Demolition é unha das imaxes que a mostra Para acabar no chan expón no espazo Sirvent de Vigo.
A exposición significa tamén unha mudanza na linguaxe do artista que, con cascallos e outros materiais atopados, artella uns Polígonos que converte nunha caste de bodegóns, naturezas mortas inscritas nunha paisaxe de non-lugares.
Unha excepción é esta fotografía non preparada e en cor: catro vasos de plástico que nos evocan uns protagonistas desaparecidos.