CRTVG

Buscar

Os papeis de Pandora sinalan a Xoán Carlos I, Guardiola, Miguel Bosé ou Julio Iglesias

Publicado o 04/10/2021 08:56

Agárdanse este luns as reaccións despois de que se publicasen os chamados papeis de Pandora, unha investigación xornalística que apunta a milleiros de personalidades de máis de 90 países que operaron en paraísos fiscais para evadir impostos.

A investigación baséase en 12 millóns de arquivos de 14 despachos que creaban as sociedades e supón a maior filtración da historia. O traballo foi elaborado polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación e publicado en medios como a BBC, The Washington Post ou El País. Entre os nomes que revelan hai 35 líderes políticos, algúns en activo como o presidente de Ecuador, Guillermo Lasso, ou o de Chile, Sebastián Piñera, que negou as acusacións.

No caso de España citan unhas 600 persoas. Entre elas, o adestrador Pep Guardiola. Din que aproveitou a amnistía fiscal de Montoro para regularizar unha conta en Andorra con medio millón de euros. Ou Julio Iglesias, ao que acusan de ter unhas 20 sociedades no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas para mercar casas de luxo en Miami e un avión.

Tamén aparece o cantante Miguel Bosé como accionista dunha sociedade en Panamá vencellada a un banco suízo. E citan o Rei emérito. Din que Corinna Larsen planeara deixarlle, en caso de falecemento, o 30 % dos ingresos dun fondo de investimentos hispano-saudí patrocinado previamente polo propio Xoán Carlos I. A Axencia Tributaria xa saíu ao paso de todas estas informacións. Di que investigarán as responsabilidades fiscais e penais dos implicados en España.

A filtración inclúe outros nomes coñecidos a escala internacional, como a cantante Shakira, á que lle atribúen tres empresas nas Illas Virxes, o exprimeiro ministro británico Tony Blair ou o rei Abdalá II de Xordania, que, supostamente, mercaron bens inmobles a través de sociedades opacas.

Noticias web

04/10/2021