CRTVG

Buscar

A Marea Galeguista non ve un desastre o resultado malia quedar en oitava posición

Publicado o 13/07/2020 00:49

O candidato á Xunta da Marea Galeguista, Pancho Casal, apuntou este domingo que os resultados electorais non son "un desastre" para o seu proxecto a pesar de que non chegaren nin ao un por cento dos votos. En declaracións á prensa tras seguir o escrutinio na sede de En Marea, Casal valorou que este 12 de xullo "a xente votou con responsabilidade" e, por iso, "para nós non é un desastre".

Estas eleccións autonómicas foron as primeiras en que En Marea se unía a Compromiso por Galicia e ao Partido Galeguista para iniciar un proxecto que, como calquera iniciativa pioneira, esgrimiu Casal, "pode ter riscos", pero que se se aposta por ela, conseguirá ter futuro.

Casal defendeu a necesidade que existe en Galicia de contar cun "proxecto progresista e galeguista". "Este é o futuro de Galicia, é evidente que non é hoxe, pero ten que selo" porque, dixo, as opcións restantes non fan fronte ao PPdeG xa que "a dereita segue dominando a política galega". Por iso, Casal mostrou confianza na pervivencia do proxecto político de Maréaa Galeguista porque "o traballo non é só estar no Parlamento", concluíu.