O armador do barco apresado en Irlanda paga a fianza, á espera de declarar o patrón
O palangreiro Punta Candieira, con base en Celeiro, continúa atracado no porto irlandés de Cobh, no condado de Cork. O armador, de Cedeira, xa aboou os 170.000 euros que esixían as autoridades por adentrarse media milla en augas territoriais de Irlanda mentres estaban a pescar. Así e todo, o barco non ha volver, cos seus 15 tripulantes, ata que o patrón declare no xuízo previsto para o martes vindeiro. O que sí poden facer xa é descargar os 10.000 quilos de merluza que teñen a bordo e que viaxarán a Galicia en camión.
Suso Lourido, xerente da Organización de Produtores de Celeiro: "O fiscal por se decidiu e presentou cargos contra o capitán por pescar dentro das 12 millas. Din que o aparello caeu dentro e fixaron unha fianza de 170.000 euros, que xa foi depositada, co que o barco quedará liberado. O que posiblemente ocorra é que non saian do porto ata o martes, que é a data para a que está fixado o xuízo, onde se verán os cargos".
Dende a organización de produtores do porto de Celeiro consideran excesivas as multas, que achacan á presión das redes sociais en Irlanda. Sinalan que o caso se debeu solucionar cunha amoestación.
Suso Lourido, xerente da Organización de Produtores de Celeiro: "O barco nunca tivo os seus sistemas de localización apagados, senón que estivo perfectamente localizable. Houbo un erro humano, ao parecer, e debería, como moito, solventarse cunha amoestación ou cun aviso. É o que teñen hoxe en día as redes sociais, que a presión deste grupo reducido de irlandeses fixo que despois de cinco días a fiscalía decidise presentar cargos".
Segundo a versión do armador, o barco foi retido tras unha disputa con outro pesqueiro de bandeira irlandesa, ao realizar unha manobra para evitar que o buque local lle cortase as redes ao galego.