Pacientes de cancro de mama e persoal sanitario completan O Camiño da túa vida
Un grupo de 25 mulleres completan estes días unha fase do camiño da súa vida, o proxecto encabezado por unha oncóloga médica dun hospital madrileño onde 15 delas trataron o seu cancro de mama.
Anabel Ballesteros, oncóloga médica do Hospital La Princesa, explícanos que "a idea é pechar o círculo do cancro de mama, facer un reto persoal cada paciente pero facelo en grupo con persoas que pasaron polo mesmo e acompañadas de persoal sanitario".
Peregrinan xuntas, desde Sarria, con dez profesionais da medicina, a enfermería, a fisioterapia ou a psicoloxía. Cun obxectivo, superar un reto, cada unha o seu.
Angélica, publicista, cóntanos que "cando pasas a enfermidade, todo está superado pero toca a volta á realidade, e esta é unha meta moi bonita para recuperarme físicamente e loitar día a día". Mónica, deseñadora gráfica de 45 anos, admite que veu "cun montón de medo, con moitas dúbidas sobre todo se o aguantaría fisicamente". Porque, corrobora Angélica, "é unha malleira física, moi duro. Pero imos co equipo médico, así que eu teño 200 bochas pero moi ben coidadas, facemos estiramentos coa fisioterapeuta... parecemos un equipo olímpico", broomea. Así que, "ao final, o físico queda moi superado polo apoio emocional".
A recuperación emocional é, precisamente, unha das principais metas. Porque o cancro non só dana a saúde física.
"O cancro de mama é unha enfermidade moi frecuente en todas as idades, pero tamén nunha franxa en que che quita moitas cousas: saúde, vitalidade e tamén moita confianza en ti mesma", remarca Anabel Ballesteros. O máis duro desta experiencia, para Mónica, é que "todas temos que contar historias que parecen pelis de terror, pero o máis bonito é que estamos rindo moito e falando coma se nos coñeceramos de toda a vida". "Cando o teu corpo fallou e te decatas de que non es inmortal quedas con moito medo de poder saír adiante.... eu vouno conseguir porque xa levo tres días e non morrín", bromea Angélica.
Con esa forza chegan a Santiago para completar este camiño e seguir coas súas vidas.