Pachi Vázquez presenta o seu novo partido, Espazo Común, con críticas ao PSOE
Quen fora o secretario xeral do PSdeG entre o 2009 e 2013, Pachi Vázquez, presentou en Ourense o seu novo proxecto político, que definiu como un movemento cidadán de acción política, de ámbito galego, socialdemócrata, progresista.
"Nós creamos un espazo onde todo o noso espectro ideolóxico está da raia do medio para a esquerda". "E unha das cousas que vai nos nosos estatutos que nunca pensei que houbese que poñela pero que a puxemos é constitucionalista".
Pachi Vázquez explicou que a principal fractura co partido socialista foi que a actual dirección decidiu botarse en brazos de partidos non constitucionalistas desorientando millóns de electores de toda España.
"As operacións persoais, as formulacións que poñen o individual por riba do colectivo son camiños a ningures que cada un se pode propor no seu tempo, pero que nestes momentos non merecen máis atención ca a dunha anécdota política que se produce cando se inicia o tempo do Entroido", di Gonzalo Caballero.
Vázquez asegura que ten pechadas 20 candidaturas na provincia de Ourense e mantén contactos en Lugo con outro ex-socialista, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez.