CRTVG

Buscar

Pablo Ibar acusa o xuíz de ir na súa contra en vésperas de coñecer a sentenza

Publicado o 21/05/2019 16:40

O tribunal que xulga en Miami o español Pablo Ibar, declarado culpable dun triplo asasinato, deberá decidir hoxe se recomenda ao xuíz que o condene á pena de morte ou a cadea perpetua.

Na derradeira xornada, a familia e os representantes diplomáticos de España testemuñaron para intentar evitar que Ibar sexa condenado á pena capital.

O cuarto xuízo nos Estados Unidos contra o español Pablo Ibar chega á súa fin e este martes está previsto que o xurado popular emita a súa recomendación ao xuíz sobre se debe aplicar a pena de morte.

O cidadán español, de 47 anos, foi declarado culpable, en xaneiro pasado, dun triplo asasinato.
En vésperas de coñecer a decisión do xurado popular, os familiares de Ibar, o embaixador de España en Washington e o cónsul español en Miami declararon ao seu favor para evitar unha condena a morte.

Será necesaria a unanimidade dos 12 membros do xurado popular para que sexa condenado á pena capital. Unha soa discrepancia suporá a cadea perpetua para Ibar e a esa esperanza aférrase a familia.

A vista tivo o seu momento de maior tensión cando o acusado se levantou para recriminarlle ao xuíz ir constantemente contra el e favorecer a Fiscalía.

Noticias web

21/05/2019