CRTVG

Buscar

Pablo Costas, despois da súa liberación no Iemen: "Por fin este sufrimento rematou"

Publicado o 30/08/2021 12:54

• Intentan xestionar a compra de billetes de avión para que regrese

Bueu celebra a posta en liberdade do seu veciño

Pablo Costas, o mariñeiro galego retido no Iemen durante os últimos 11 meses, prepara o seu regreso tras ser liberado xunto co resto da tripulación do buque Cobija. Os mariñeiros deixaron o barco atracado no porto e foron trasladados a un hotel próximo, á espera de poder saír do país.

Este luns á mañá Costas estivo a bordo do Cobija en calidade de técnico, para informar o novo capitán que se encargará do barco. Pablo Costas e as 31 persoas da tripulación do pesqueiro estaban retidos desde o 26 de setembro de 2020 neste porto no sur do Iemen, un país sumido nunha guerra civil desde 2015.

Xa recuperou o pasaporte e está á espera de que o trasladen ao aeroporto, onde a previsión é que viaxe vía O Cairo ata Madrid. "Estou descansando nun hotel á espera da loxística de voos, de poder enlazar algún voo para saír. Non é fácil porque neste país está moi complicado. Teño pasaporte listo para poder viaxar. Por fin este sufrimento rematou, teño ganas de chegar á miña terra", asegura Costas aínda desde o Iemen.

O pasado mes de maio, Pablo Costas pediu axuda á diplomacia española para ser repatriado, sen éxito. Nestes once meses, o único que logrou saír do Iemen foi un primeiro oficial ruso, evacuado en maio pola diplomacia do seu país. Pablo Costas queixouse en numerosas ocasións da indefensión total en que o deixaron os servizos diplomáticos españois e as irregularidades, os enganos e as mentiras que sufrían por parte das autoridades iemenís.

A axuda veulle de ao pé da casa. "Quixera agradecer en primeiro lugar e sobre todo a xente de Bueu, veciños que me apoiaron e que loitaron por unha causa xusta. A todos eles o meu respecto", di Pablo Costas.

Estando en porto foron acusados de pesca ilegal por Australia e quedaron retidos no Iemen, onde se celebrou un xuízo en que foron condenados a tres meses de arresto. Con todo, superada a sanción, a autorización para partir non chegou debido ao recurso interposto por un fiscal e o armador desentendeuse do buque.

Noticias web

30/08/2021