CRTVG

Buscar

Pablo Casado afirmou en Galicia que o PP defenderá o futuro dos pensionistas

Publicado o 02/03/2019 21:20

O presidente do Partido Popular participou en actos en Ferrol, na Coruña e Santiago de Compostela. Núñez Feijóo dixo que o PP demostra o seu compromiso social con "feitos, cifras e logros".

Pablo Casado quixo arroupar os candidatos populares das tres cidades, Agustín Hernández, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela. Asegura o presidente dos populares que o Partido Popular é o único que ten un proxecto nacional non que por riba dos intereses de partido están os dos españois. Pola tarde Casado paseou, canda Alberto Núñez Feijóo e os candidatos, polas rúas de Compostela e as da Coruña. Pola mañá foi o encargado de clausurar unha convención de Benestar Social en Ferrol, onde anunciou unha blindaxe fiscal de aforro para a xubiliación, ao tempo que criticou o electoralismo de Pedro Sánchez.

O líder dos populares clausuraba este mediodía a Convención de Benestar Social en Ferrol. Pablo Casado eloxiou a xestión do goberno de Feijóo e centrou o seu discurso na sanidade, nas pensións... e na defensa do estado das autonomías.
Pablo Casado, Presidente do PP "Cando o PP gobernou en España, a Galicia foille moi ben e sabedes por qué, porque o Partido Popular é o partido que máis defende o estado das autonomías, o partido que máis orgullosos está dunha España plural, diversa, descentralizada, unida, vertebrada e cohesionada. A nosa cohesión social parte dunha Constitución", dixo Pablo Casado.

O Presidente do PP criticou o que cualificou como "venres antisociais" do executivo de Pedro Sánchez. Di Casado que non se pode lexitimar que as campañas electorais se financien cos cartos dos contribuíntes e asegurou que tomará todas as medidas necesarias para evitar que "se goberne a base de real decreto".

Pablo Casado, presidente do PP: "O que está a facer agora mesmo o Goberno de España é instrumentalizar unha vez máis as institucións, neste caso a Deputación Permanente, o Parlamento, para prometer cousas que non vai poder aprobar que non vai poder poñer en práctica e que non vai poder pagar. É dicir, pedir a rolda para que o pague quen veña, que non van ser eles, e o máis perigoso, normalizar ou lexitimar que as campañas electorais dos partidos se poidan facer a custo dos cartos dos contibuíntes", dixo Pablo Casado.

O líder dos populares afirmou ademais que o seu partido defenderá o futuro dos pensionistas, que garantirá a blindaxe fiscal do aforro e que impulsará desde o Goberno a modernización de Navantia.

Noticias web

02/03/2019