Pablo Casado acusa a Pedro Sánchez de "vender España a cachos e a prazos"
Acto de precampaña do Partido Popular en Torrelavega, Cantabria. Alí Pablo Casado asegurou que o único adversario do PP nas eleccións do 28 de abril é Pedro Sánchez, ao que acusou de estar "a vender España a cachos e a prazos". O líder do PP apelou ao "voto unido e responsable", dixo, para "sacar da Moncloa a Sánchez, Torra e Puigdemont".
Neste acto de partido, o presidente do PP volvíase referir á situación que se vive en Cataluña. Facía unha comparación co Brexit, do que dixo que demostra que a "irresponsabilidade dalgúns políticos pode levar a erros históricos".
Pablo Casado, Presidente do PP "Ao señor Iceta hai que lembrarlle que, propoñer unha consulta de autodeterminación, é unha irresponsabilidade e unha traizón. Sánchez está a vender España a cachos e a prazos".
Pablo Casado asegurou que o "único adversario do PP é Pedro Sánchez" e apelou ao "voto unido e responsable": "Se os que marcharon do PP non regresan, os que se quedan na Moncloa son Torra, Puigdemont e Sánchez".
Casado advertiu de que só o seu partido pode garantir a unidade de España.