CRTVG

Buscar

Pablo Alborán anuncia que é homosexual: "Quero sentirme igual de libre que as miñas cancións"

Publicado o 17/06/2020 17:28
Pablo Alborán anuncia que é homosexual: "Quero sentirme igual de libre que as miñas cancións"

O cantante Pablo Alborán publicou este mércores nas súas redes sociais unha mensaxe gravada de pouco máis de tres minutos en que declara que é homosexual e que o fai público agora porque necesita "ser un pouquiño máis feliz", á vez que anuncia que pronto editará "un disco moi especial".

"Hoxe quero que o meu berro sexa un pouco máis forte e teña máis valor e peso. Estou aquí para contarvos que son homosexual, que non pasa nada, que a vida segue igual", di o popular intérprete no vídeo que colgou en Instagram, sentado nun cuarto onde se ve un piano ao seu lado e un monitor detrás.

En 3 minutos e 11 segundos, Alborán, que precisa que sempre loitou "en contra de toda expresión que vaia en contra de calquera tipo de odio", subliña que "moita xente" supón, sabe "ou simplemente dálle igual" que é gai e a súa declaración de hoxe responde a que quere ser "coherente, consecuente e o máis responsable posible" con el mesmo.

"No meu traballo, entre os meus amigos, na miña compañía de discos (en Warner), xamais me sentín discriminado, odiado; xamais sentín que decepcionaba a alguén por ser eu pero, desgraciadamente, hai moita xente que non o vive así. Por iso hoxe, sen medo, tamén espero que esta mensaxe lle faga o camiño mais fácil a alguén, pero sobre todo isto fágoo por min", afirma.

"Na miña casa, na miña familia, sentín sempre a liberdade de amar a quen quixen, de poder dedicarme ao que quixen. Sentinme arroupado e acompañado á hora de cumprir cada un dos meus soños", relata o artista.

"Sempre escribín cancións que falan sobre ti, sobre min, sobre o que sucede ao redor. Sempre pensei que se pode sentir identificado calquera coas miñas letras sen importar o xénero, a idade e mesmo o idioma porque para min a música é libre e quero sentirme igual de libre que as miñas cancións", precisa.

O cantante, que cumpriu 31 anos o pasado 31 de maio, engade que seguirá centrando a súa vida publica no seu traballo e na súa música: "tentarei facer o meu traballo o mellor que se, desde as entrañas, cun respecto absoluto á profesión e ao público".

"Quero darvos as grazas polo agarimo que sempre recibín, polo apoio incondicional que me dades. Toleo porque nos poidamos ver pronto e ensinarvos o que estou a preparar. Vén un disco moi especial. Mándovos un abrazo moi forte e a vivir, que a vida vaise".

Ver esta publicación en Instagram

Una publicación compartida de Pablo Alborán (@pabloalboran) el 17 Jun, 2020 a las 4:30 PDT