CRTVG

Buscar

Josep Borrel di que Leopoldo López é un hóspede na residencia da embaixada de España en Venezuela

Publicado o 02/05/2019 13:03

• O ministro de exteriores español, en funcións, declarou que "non está asilado" ata que se aclaren os pasos que se deben seguir

• Manuel Pérez, presidente da Federación de Venezolanos en Galicia: "Non vexo risco de confrontación civil"

Josep Borrel di que Leopoldo López é un hóspede na residencia da embaixada de España en Venezuela. O ministro de Exteriores español, en funcións, declarou que "non está asilado" ata que se aclaren os pasos que se deben seguir. Borrell precisou que non se formulou unha demanda de asilo, que para formulala tería que efectuala desde o territorio español de acordo coa lexislación española. Desde a residencia do embaixador español, Leopoldo López e a súa familia denunciaron o asalto á súa casa.

Os enfrontamentos nas rúas de Caracas continuaron por segundo día consecutivo neste primeiro de maio. A ONG Observatorio de Conflictos informou da morte dunha moza de 27 anos por impacto de bala durante unha manifestación en Altamira. Juan Guaidó escribía en Twitter que se compromete a que paguen por esta morte os que decidiron disparar, di, contra os manifestantes. É a segunda morte en dous días durante os enfrontamentos.

Na manifestación convocada onte polo presidente da Asemblea Nacional, este dixo que a operación Liberdade continúa. 

Guaidó: "Imos seguir coa proposta dos paros graduais, ata lograr a folga xeral".

Mentres, o líder opositor Leopoldo López e a súa familia continúan acollidos na residencias do embaixador de España en Caracas, pero non solicitaron asilo político, segundo informou o Goberno español. Estaban alí cando os avisaron de que a súa casa fora asaltada. Lilian Tintori denunciou que lle roubaran electrodomésticos e acusou do asalto ao Sebin, o Servizo Bolivariano de Intelixencia Nacional. 

Lilian Tintori: "Foi o Sebin, o Sebin dos malos, porque hai sebins patriotas que queren a liberdade de Venezuela".

Igual que fixo con Leopoldo López, a quen Guaidó concedeu o que chamou un "indulto presidencial", o presidente da Asemblea asegurou que seguirá liberando presos políticos ata lograr a liberdade, dixo, en toda Venezuela.

Noticias web

02/05/2019