CRTVG

Buscar

Ourense, con 26 graos, marca as temperaturas máis altas de España

Publicado o 23/03/2019 17:54

Se queremos calor de verdade iremos ata a Ourense, que hoxe vai marcar as temperaturas máis altas de España, con 26 graos. O día amence fresco, pero co avance das horas o mercurio sobe canda o sol. E para mañá a predición di que subirá máis.

O termómetro máis retratado do país comeza a súa temporada estelar cando apenas acabamos de estrear a primavera. Ao mediodía xa superaba de longo os 20 graos. A predición di que a temperatura real chegará ata os 26 graos, a máis alta de toda España. Algo que vén sendo xa habitual en Ourense no verán, pero non tanto a estas alturas do ano.

Á medida que ascende o sol tamén o fai o mercurio, pero o certo é que as noites quedan frescas e a oscilación térmica é considerable, de nada menos que 23 graos en apenas doce horas.

O bo tempo agradécese para o paseo, pero tanta sequidade non é boa nin para os alérxicos nin para o campo, que está sedento de chuvia. O peor é que para mañá dan aínda máis calor.

Noticias web

23/03/2019