CRTVG

Buscar

Ourense pedirá a declaración de Estado de Emerxencia no pavillón dos Remedios

Publicado o 14/06/2021 20:44

Ourense avalía os danos da treboada de onte. O consello Municipal de Deportes reuniuse esta tarde para avaliar o estado do pavillón dos Remedios. Non saíron cifras pero si unha folla de ruta: van solicitar a declaración do Complexo Deportivo como Estado de Emerxencia de Protección Civil para axilizar, aclaran, a adxudicación das obras.

Armando Ojea, tenente alcalde de Ourense: "Tomar medidas máis rápidas, máis inmediatas e solucionar o problema canto antes".

Tras unha mañá frenética de podas, retirada de árbores, sinalización e limpeza, á tarde aínda quedaba traballo pendente. Nesta vivenda da Milagrosa uns reparaban o tendido eléctrico, mentres outros agardaban a chegada do perito. A esta familia caeulle, no patio, a galería da veciña, que saíu voando sobre os tellados.

Xosé Iglesias, afectado pola treboada: "Veu golpeando os tellados das casas lindeiras e acabou caendo neste patio. A sorte que non había ninguén polas inmediacións, a miña muller e a filla estaban dentro e os veciños tamén".

O barrio das Lagoas foi das zonas máis afectadas. Varios tellados sufriron as consecuencias dunhas rachas de vento que superaron os 75 quilómetros por hora.

"Foi unha especie de raio que caeu no teito deste edificio e traspasou a parede cara o outro lado", comenta un veciño.

Ademais das vivendas, o mobiliario urbano e numerosos coches, uns estacionados e outros en circulación, sufrion danos por impactos.

"Bateume un colector e mira como está o coche, é incrible, pero a vida segue", di un afectado.

Varias zonas da cidade, coma os paseos do río ou o campus universitario, continúan precintadas ante o risco de caídas de ponlas e árbores.

Noticias web

14/06/2021