Case a metade da poboación da provincia de Ourense, coa mobilidade restrinxida
Na provincia de Ourense, case a metade da poboación está sometida dende hoxe a un confinamento perimetral, aínda que as medidas máis restritivas atopámolas no Carballiño cunha imaxe impresionante que nos deixa o peche de toda aquela actividade considerada non esencial.
Só os comercios seguen abertos. A hostalería está toda pechada a non ser os que serven comida para levar.
Tamén permancerán pechados polo menos 14 días, locais de espectáculos, bibliotecas, piscinas ou xinmasios.
Tamén se incrementaron as restricións en Verín, que tamén ofrece nas súas rúas unha imaxe estraña. Por exemplo, en Feces. Alí, a maior parte dos seus clientes son de Portugal. A fronteira está aberta, pero non se pode entrar nin saír da área formada por Verín, Oímbra e Vilardevós sen causa xustificada.
As reunións de non conviventes están prohibidas, así que, toca dar a volta. Son as mesmas medidas que xa se veñen aplicando dende hai dúas semanas en Ourense, onde o número de casos leva nove días en descenso.