Ourense acolle un percorrido de cine de cara á nova edición do OUFF
Publicado o 17/09/2021 22:01
E na cidade das Burgas xa quentan motores para unha nova edición do OUFF, o festival de cine de Ourense que cumpre 26 anos.
Aínda que o festival non arranca ata o 24 de setembro, en Ourense xa se pode gozar de actividades paralelas, como a exposición 'Rodamos en Ourense'. Nela faise un percorrido pola traxectoria como plató de cine da provincia, na que se rodaron 27 longametraxes, nove delas nos últimos anos.
Agora, a exposición amosa carteis, fotografías ou elementos dos decorados que se empregaron nos filmes, algunhas tan coñecidas como 'Olvido e León', 'A Esmorga', 'A lingua das bolboretas', 'Sempre Xonxa' ou 'Cuñados'.
A exposición poderá visitarse ata o 26 de outubro no centro cultural Marcos Valcárcel.