CRTVG

Buscar

Os ximnasios volven á actividade coa ocupación máxima limitada ao 30 %

Publicado o 26/02/2021 14:37

Despois dun mes cos ximnasios pechados, desde primeira hora da mañá, os usuarios acudían desde ben cedo ás instalacións ansiosos de actividade física.

"Volvemos con moitas ganas obviamente porque despois desas 4 semanas de parón había moitas ganas de retomar a actividade física", cóntanos Gerardo Calvo, director das instalacións das piscinas municipais de Teo.

Varios dos usuarios do recinto contáronnos as ganas que tiñan de regresar. Para moitos, non é o mesmo que adestrar na casa. "Alí perdes a rutina", din. "Non son os mesmos exercicios nin os mesmos medios":

Actividade deportiva ligada en moitos casos a terapias para tratar doenzas polo que demandan que finalmente sexa declarado o deporte como actividade esencial. 

O Congreso aprobou recentemente que a actividade física é de "interese esencial". Agora, os preparadores físicos esperan que esa decisión a aprobe tamén o Goberno".

A apertura ten que ser cun máximo de ocupación do 30 % na sala e na piscina e con actividades grupais de catro persoas mais o monitor. Os usuarios aseguran sentirse seguros.

O uso de máscara é obrigatorio en todo momento e só poderán retirala no interior da piscina e das pistas de xogo.

Noticias web

26/02/2021