Os xabarís entran nas hortas da zona urbana de Carballo
Ricardo, veciño da rúa Venezuela de Carballo, mostra aínda soprendido as pegadas dos xabarís que pasaron o serán do luns pola horta que cultiva en fronte mesmo da súa casa, na zona urbana. Xa o reparou, pero tiráronlle parte do valado e fozaron un pouco entre os brotes dos nabos e das verzas.
"O martes pola mañá vin e vin que estaba todo roto. O valo estaba roto e algunhas pisadas entre as nabizas".
Desas horas, contra as 8 e media do serán, hai moito tráfico rodado nesta zona pola que se sae de Carballo a Malpica e tamén moito transeúnte. Algún deles puido ver os xabarís e máis como batían contra un turismo ao atravesar a estrada da Ponte da Pedra en dirección á rúa Venezuela.
Ricardo cre que os xabarís, seica dúas femias e varios raións, se despistaron e saíron da súa senda ata acabar na zona urbana. A manda desapareceu cara á zona da biblioteca nova e non se volveu saber deles.