CRTVG

Buscar

Os xabarís estragan plantacións de millo no concello de Negreira

Publicado o 06/09/2021 14:18

Na aldea de Taredado, no concello de Negreira, non se salvan dos ataques dos xabarís nin as leiras que están ao lado das casas. É o caso dunha que amosan Benigno e seu neto Kevin. O porco bravo foi derrubando plantas e mordendo espigas en distintas partes do predio. Pero, segundo din, a pegada do xabaril está en moitas plantacións da parroquia.

"Pode haber entre as leiras todas uns dous mil quilos de millo tirado. O valor non o sei. O que si é que este millo é moito máis valorado polos animais, cómeno moito mellor que o da tenda. O xabaril?, eliminalos, que se poden eliminar. En varias partes de Europa disque tiveron que eliminalos, porque acababan con todo", di Benigno García.

Explica que probou diversos métodos para que non entren nas leiras, pero o xabaril acaba superando todas as trabas. El propón que a administración acabe cos xabarís e argumenta que hai moitos, enormes, e que o outro día viu un no camiño ás once da mañá. Agoira que se a Xunta non actúa nos dous meses que quedan para a colleita poden estragala completamente.

Este veciño da parroquia de Xallas exclama: "Buf! Poden tombar case todo. Se non toman unha decisión, pódeno tombar todo. Creo que non funcionan ben os cazadores. Ademais aquí veñen cada quince días, miran algo e marchan para outro sitio. A Xunta tiña que tomar unha decisión de algo. Estamos abandonados. Porque non podemos ter nada, nin unha leira de millo, nin de patacas... O ano pasado se quixen coller algo nesta leira e máis noutra que teño enriba, cada vinte minutos ía dunha á outra. E durmín 34 noites na leira e de día durmía e pola noite estaba de garda".

Noticias web

06/09/2021