CRTVG

Buscar

Os votos populares e socialistas fan a Fernández Galiño nova Valedora do Pobo

Publicado o 31/07/2019 19:43

O pleno do Parlamento de Galicia nomeou este mércores a maxistrada María Dolores Fernández Galiño (O Carbaliño, 1963) nova Valedora do Pobo en substitución de Milagros Otero, que presentou a súa renuncia a semana pasada a raíz dunha sentenza que a condenaba polo nomeamento da xefa de persoal da institución.

Fernández Galiño recibiu esta mañá 51 votos a favor da candidatura, os dos grupos do PPdeG e do PSdeG, menres que 18 votos foron en branco e dous nulos a cargo do resto dos grupos da oposición: En Marea, BNG e o Grupo Mixto.

Deste modo, alcanzou a maioría cualificada esixida por lei para o seu nomeamento, acordado polas dúas forzas con máis representación na cámara, á espera de que a xornalista e escritora María Xosé Porteiro sexa designada como adxunta á Valedora á proposta do PSdeG.

O luns pasado, a nova valedora presentou a súa candidatura ante a Comisión de Peticións do Parlamento, onde defendeu que era a persoa adecuada para o cargo polos seus "valores, independencia e coñecementos técnico-xurídicos".

Na súa comparecencia, Fernández Galiño deu conta dun decálogo de prioridades que guiarán a súa actuación á fronte da institución, entre as que incluíu temas como a igualdade de xénero, a violencia machista, os distintos tipos de acoso, a discriminación, as persoas discapacitadas, os dereitos dixitais ou o medio ambiente.

Do mesmo xeito, fixo especial énfase nas cuestións relacionadas co feminismo e dedicou tempo a repasar a súa traxectoria profesional como xuíza desde que se lincenciou en Dereito na Universidade de Santiago no ano 1986.

En 1989, relatou, aprobou as oposicións e comezou a súa carreira xudicial en Ponteareas para, en 1992, ser ascendida á categoría de maxistrada e destinada ao Xulgado do Social número dous de Pontevedra.

Posteriormente, foi trasladada á Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña, onde exerceu desde 2011, e conta na súa traxectoria profesional formar parte en 2012 do tribunal encargado de xulgar o caso Prestige.

Ademais, Fernández Galiño remarcou o seu compromiso co idioma galego e dixo que, como falante da lingua, impulsouna desde a xudicatura, aglo que -manifestou- espera poder seguir facendo como valedora.