Os virólogos ven prematuro o certificado de vacinación internacional e piden agardar
O pasaporte de inmunidade traspasa o debate político. No científico, virólogos e inmunólogos cren que é precipitado. Din que un certificado de vacinación só ten sentido se pode garantir que a persoa que o ten é segura.
Non se cuestiona o beneficio da vacina na persoa que a recibe. A eficacia que ten para previr os síntomas máis graves, pero nese certificado de inmunidade si hai dúbidas sobre o impacto que pode nos demais.
A viróloga Margarita del Val explica que non se sabe se é eficaz en facer segura esa persoa de cara ao resto da sociedade.
"Eu creo que é prematuro facer este tipo de certificados internacionais. Sobre todo para facer viaxes, entrar en espectáculos ou na hostalería", asegura.
Hai que vacinar rápido pero tamén de xeito seguro. Por iso, de momento, os expertos piden agardar resultados clínicos antes de mesturar doses de vacinas diferentes.
Isabel Sola, viróloga tamén, avoga por inxectar as dúas doses en tempos marcados: "Na resposta de anticorpos hai unha caída na inmunidade que haberá que ver se é suficiente para protexer. Eu creo que administrar unha única dose nun tempo máis longo, de catro cinco ou seis semanas pode ter certo risco".
Sobre o plan de vacinación, advirten que será lento. Aínda quedan semanas para rematar cos maiores de 80 anos. "Logo entrarán os maiores de 70", di Margarita del Val, "que son máis numerosos e tardarán bastantes máis semanas. Isto vai amodo mentres non teñamos máis doses, claramente".