CRTVG

Buscar

Os veciños reteñen dous ladróns no centro da Coruña ata que chega a policía

Publicado o 16/07/2021 14:08

A colaboración cidadá foi fundamental para deter unha parella de delincuentes que tentaron roubar nunha tenda da rúa da estrela na Coruña. Ao final, a policía fixo que devolvesen o roubado e non se presentou denuncia. Un gran balbordo puxo en alerta os veciños. Non sabían ben o que pasara cando o dono dun comercio saíu pedindo que chamaran a policía. Entre varias persoas conseguiron acurralar a moza.

"Eu saín e axudeille a reter os dous mozos, un mozo e unha moza; ao comezar o balbordo e os berros xuntouse xente e ao final eramos un cento de persoas ou máis. Estiveron retidos ata que chegou a policía. Non foron violentos, diciámoslles que entregasen o que levaran e non querían. Dicíamoslles que se devolvían o que roubaran que os deixaban ir, pero non querían".

O outro mozo aproveitou o rebumbio para entrar e coller algún produto máis e foi quen de fuxir. Unha fuxida que durou só unhas rúas. Finalmente puideron reducir a parella de delincuentes, mentres esperaban que chegara a policía. O total do roubado custaba arredor dos cento e poucos euros. Foron os axentes os que lles baleiraron os petos e unha vez devolta a mercadoría o dono da tenda deixou que marchasen sen poñer denuncia.

Noticias web

16/07/2021