CRTVG

Buscar

Os veciños dos Mallos, na Coruña, lamentan a demora nas obras que se fan nunha praza do barrio

Publicado o 21/07/2021 15:00

Os veciños da contorna da praza Padre Rubinos, no barrio coruñés dos Mallos, quéixanse de que levan demasiado tempo aguantando as obras, e non ven que a cousa avance moito. "Eu son veciño do barrio dos Mallos e o problema é que empezan unha obra e botan o tempo que lles da a gana. Nesta praza levan non sei canto tempo. Levantaron catorce veces o mesmo. Tapan, volve a tapar, volven a abrir"; "A problemática é que as obras están demorándose a xuízo de todos un pouquiño demasiado"; "O principal problema é que xa levan moito tempo e parece que estiveron moitas semanas parados. Molesta o ruído, a circulación... "

Coas obras, a mobilidade pola zona é máis reducida, pero os veciños tamén se queixan dos problemas que lles ocasionan as pombas. "Ao poñer as vallas para que podan traballar dentro delas, o paso que queda é bastante estreito e incómodo"; "As pombas antes estaban todas na praza e agora van para as nosas fiestras e tellados"; "Esta praza tiña o problema das pombas, había moita suciedade, as árbores estaban enfermas... entón non apetecía moito estar ahí".

O itinerario do transporte urbano tamén foi modificado nesa zona. Agora os veciños din que teñen que desprazarse a outra rúa para poder coller o autobús. "Agora non hai un autobús que pase pola avenida dos Mallos. Agora temos que pasar para a avenida de Arteixo para coller un autobús urbano. Esto é unha vergoña, téñennos aquí completamente abandonados".

Todos coinciden en que a praza estaba en moi mal estado e necesitaba unha boa reforma. "Que quede ben, que quede a cousa en condicións, cuns asientos curiosos"; "Hai dous obreiros nada máis. Ver que a xente vexa que hai movemento".

Gustaríalles ver máis obreiros traballando para que as obras rematen canto antes e, dese xeito, que todos os veciños, e sobre todo a xente maior, poidan descansar na súa nova praza.

 

Noticias web

21/07/2021