CRTVG

Buscar

Os veciños do Carqueixo, en Lugo, piden unha parada de bus máis próxima

Publicado o 10/06/2021 13:51

No poboado lugués do Carqueixo quedan unha trintena de habitantes, que adoitan facer uso do transporte público. Coa creación do novo servizo de buses urbanos, aseguran que saíron perdendo, posto que as paradas actuais se encontran a uns 500 metros das anteriores. En total, agora teñen que percorrer un quilómetro e medio dende as súas vivendas para poder desprazarse ata o centro da cidade.

"Resulta que agora nos quitaron de aí o bus e nolo puxeron baixando da rotonda. Somos moitos os que imos por aí andando e crzando a rotonda sen pasos de peóns, beirarrúa nin nada. O día de mañá imos cruzar aí e vannos atropelar. A ver por que quitaron os autobuses de aí". "Teño a miña tía, que xa ten os seus anos, que para coller o bus das oito tense que levantar ás seis da mañá". "Quitáronnos o bus de Castelo, e iso non pode ser. En 300 metros hai unha rotonda para coller para abaixo o bus. E se vén un rapaz e o mata?", critican os afectados.

Os residentes no poboado do Carqueixo din que os cambios lles afectan tamén á hora de ir ao colexio ou ao mercado de Frigsa. Coma outros veciños da zona que tamén protestaron e recolleron sinaturas, reclaman que as autoridades municipais repoñan as paradas suprimidas.

"Nós queremos que poñan o bus igual que antes. Se non, imos protestar outra vez". "Coma nós, que estamos aquí, os outros tamén se están queixando. E de aquí tamén, porque imos tarde. Collemos o bus moi tarde", advirten.

Pola súa parte, dende a Área de Mobilidade do Concello de Lugo sinalan que están pendentes do permiso da Xunta para habilitar unha nova parada á beira da anterior, na parte superior da rotonda de acceso ao HULA.

Noticias web

10/06/2021