Os veciños do barrio lugués de San Lázaro recadan fondos para arranxar o cemiterio
O conxunto monumental de San Lázaro, que se encontra á beira do Camiño Primitivo, levaba anos cunha serie de elementos en moi mal estado. Entre eles, o muro que separa o camposanto da igrexa deste barrio de Lugo, que corría o risco de caer. Ademais, varios dos panteóns precisan ser restaurados antes de que se derruben.
"Porque parte dos panteóns, uns sete ou oito, están abandonados. E o muro estivo esteado ata agora". "Son nichos que nin o cura sabe de quen son. Foron quedando abandonados, porque uns morreron e outros marcharon para fóra. Algúns están á venda pero non os compra ninguén porque non se sabe a quen pertencen, e o cura non pode vendelos sen saber de quen son". "Está mal. A obra xa se fixera antes e houbo que facela outra vez", comentan os residentes en San Lázaro.
A fin de arranxar os elementos do cemiterio que se encontran en perigo, os veciños desta parroquia luguesa decidiron recadar fondos para sufragar as obras. Polo de agora, serviron para pagar os traballos de acondicionamento do muro do camposanto.
"Agora xa está arranxado. Houbo unha cota, que se pagaramos todos, arranxaríase moito mellor". "Mandaron unha carta en que pedían unha cota, que aboou moita xente". "Houbo varios veciños que se prestaron a colaborar co cura. E xa ao cura que había antes axudarámoslle a pagar outro muro que caera". "Este cura entrou novo e non sabía o que era pedir, pero agora aprendeu xa", engaden.
Os fregueses de San Lázaro esperan chegar a xuntar máis de 12.000 euros para custear o arranxo do cemiterio.