CRTVG

Buscar

Os veciños de Santiago recorren ás fontes pola turbidez de auga nas billas

Publicado o 12/09/2021 15:08

Case lembrando vellos tempos, veciños de do barrio compostelán de Vite achegábanse esta mañá ás fontes públicas que aínda quedan na cidade para facer acopio de auga. A causa, a turbidez do liquido que saía dende onte polas billas, e que sorprendeu a moitos: "Así marrón, clariño, pero dis: non vou beber, nin lavar os dentes, nin a cara. E esta mañá lavei a cara e non sei nin como non me fixei", relataba unha veciña.
"Cheguei a casa, ducheime, fixen as miñas cousas... a auga normaliña. E agora pola mañá cando ía lavar a louza, auga como chocolate", asegura outra.

Barrios como os de Vite, Meixonfrío, o ensanche, e mesmo en Pontepedriña referían o mal aspecto da auga nas súas vivendas. Tampouco os establecementos hostaleiros se libraban do problema.

"Mentres isto non se arranxe -contaba Ángel Pérez, hosteleiro", non podemos dar auga do grifo. Ten un sabor moi raro e un cheiro como a óxido".

Moitos veciños decidiron acudir ás poucas tendas abertas neste día festivo na busca de auga embotellada."Auga quedei sen nada, nin gota. Nin de cinco litros, nin de litro, nin nada", aseguraba a encargada dunha tenda de comestibles.


A causa da turbidez da auga está nunha vertedura de xurro no río Tambre que se produciu o xoves pasado no concello lindeiro de Trazo, e que obrigou parar a estación que capta a auga do río para Santiago. Tras comprobar que a auga era adecuada sanitariamente onte retomouse a submnistración aos depósitos, pero a empresa responsable do servizo xa advertía de que poden darse casos de turbidez ao abrir a billa. Dende o Concello aseguran que a auga pódese consumir con total tranquilidade.

"O máis importante, manifesta Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente no goberno municipal de Santiago de Compostela- é  que en ningún punto da cidade dende onte houbo corte de subministro de auga e que esa auga que vemos turbia nas nosas casas cumpre todos os parámetros sanitarios para ser auga potable".

Dende o Concello de Santiago insistiron en que traballaron arreo para evitar que se cortase o abastecemento e que se continúan facendo analíticas para garantir o consumo. Noutros concellos veciños, como Ames ou Brión, tamén se están rexistrando casos de turbidez, aínda que tampouco houbo cortes na subministración.

Noticias web

12/09/2021