CRTVG

Buscar

Os veciños do Rabado, en Rianxo, pídenlle ao Concello que se faga cargo das obras dunha pista e repare as casas

Publicado o 14/09/2021 12:25

Os veciños da aldea do Rabado, na parroquia do Araño, solicitáronlle ao concello de Rianxo que retire unhas pedras que invaden a pista local. É o camiño que vai cara á a ermida e din que levan dous meses así. Son parte das fachadas de dúas casas antigas que, aseguran, caeron cando fixeron as obras da traída. 

Os veciños senten estar prexudicados pola situación. Obrígalles a facer uso dunha pista alternativa que, din, está toda furada e que é moi estreita, pola que non poden pasar determinados vehículos, sobre todo de emerxencias e outros de gran tamaño como o do lixo. Están así dende hai uns dous meses coincidindo coa obra que fixeron operarios municipais preto dunhas casas para que os veciños puidesen instalar a mangueira da traída de auga potable. Caeron abaixo parte das fachadas de dúas vivendas, especialmente pedras de gran tamaño dunha delas. Afirman que foi debido a vibracións que se xeraron ao picar o chan.

Unha veciña di: "Dixéronlles que non picasen tanto á beira e picaron mesmo á beira da casa. Agora o Concello non nos fai caso e nós non o imos facer, nin imos quitar as pedras de aí. Se cae a parede despois quen se fai responsable? Eu non. Que se faga cargo o Concello, que a pa era do Concello, ou quen sexa que fagan a parede".

Queren que o Concello se faga cargo da solución, recolleron sinaturas, unha recollida que foi apoiada por un total de 37 persoas, todas elas veciñas do lugar. O Concello di que quere é restituír o tránsito na pista cortada, pero que hai que facelo dunha forma segura. Encargou a un arquitecto e un enxeñeiro a elaboración dun proxecto que garanta a apertura e que evite novos derrubamentos, para remitírllelo proximamente aos donos dos inmobles afectados para que acometan eses traballos, ou faraos o Concello, pasándolles daquela o custo a eses propietarios, cousa coa que os donos non están de acordo.

Noticias web

14/09/2021