CRTVG

Buscar

Os veciños de Outes participan masivamente no cribado ao que foron convocados

Publicado o 22/01/2021 13:21

Outes, un concello de preto de 6.200 habitantes, ten unha elevada incidencia do coronavirus, polo que está sometido ás máximas restricións. Aínda que os casos van minguando e dos 42 positivos hai unha semana pasouse a 28 hoxe, as autoridades sanitarias decidiron facer un cribado masivo para frear a expansión do virus. A convocatoria foi todo un éxito. Das 4.300 persoas convocadas, 3.801 realizaron a proba.

Os veciños amosáronse satisfeitos pola realización do cribado porque permite detectar casos asintomáticos e infectados, illados e frear os contaxios.

Neste caso a proba que realizaron foi unha PCR de saliva. Onte entregábanlles os frascos e déronlles as instrucións para recoller a mostra que hoxe debían entregar. Os resultados das probas demorarán entre 24 e 48 horas. Se o resultado é negativo, reciben unha mensaxe de texto no móbil. Se fose positivo, é o médico de cabeceira o que llo comunica por teléfono.

A responsable do equipo loou o traballo e esforzo dos sanitarios e o apoio de Protección Civil e a Policía Local para que todo transcorrese con axilidade.

Noticias web

22/01/2021