CRTVG

Buscar

Os veciños de Coira, Teo, máis dun mes cos camiños desfeitos

Publicado o 07/02/2020 13:35

Os veciños da aldea de Coira, en Teo, quéixanse do estado que teñen os camiños que dan servizo ás súas casas. A instalación da traída da auga fixo que abriran todas as pistas hai máis dun mes e así seguen, sen asfaltar. Din que chegar a Coira é toda unha odisea por mor das fochancas. 

Os camiños que cruzan Coira teñen todos cun rego de coios. Nesta pequena aldea que está no límite do Concello de Teo hai unhas vinte casas habitadas, pero din que malia ser poucos teñen dereito a contar cuns accesos dignos. Nalgunhas zonas de costa polo efecto dos coches e da auga nin pedras quedan xa tapando o burato.

"Meteron as augas e puxeron isto aquí, botaron a grava esta e non se pode nin andar cos coches. A ver se son conscientes e veñen mirar algo por esta aldea que está abandonada de todo. Nós temos os impostos pagos no Concello, non estamos pedindo nada que non teña que ser. Xa tiña que vir asfaltar antes xa está desfeita sin ser por aquí e agora non fan caso. Non é só da obra que xa estaba de antes. Teño 83 anos e estaba mellor antes o camiño dos carros que tiñamos para o gando que agora para os coches e iso é un duelo. E todo para Calo e a parte dalá aquí nada. Pero os recibos véñennos igual para pagar".

Tamén se queixan de que as pistas que chegan a aldea están cheas de fochancas.

"Temos dúas pistas, mellor dito, tres pistas, pero unha xa vai para o concello de Padrón. Pero é que para arriba hai corenta anos que se asfaltaron e están co mesmo asfalto. Temos uns buratos alí, aqueles... metes unha roda dun coches alí e acábase. Rompe o coche e rompe todo. O autobús da escola xa cambiou dunha pista para outra, pero rematará por non vir. Aí arriba hai uns buratos grandísimos, penso que o autobús non vén por aí, xa que vén por outra estrada que lle chaman a de Cabanelas, que é moita costa. E dinllo ao Concello, chamaron para que viñesen asfaltar isto e din que non teñen cartos. Eu non sei se teñen cartos ou non, pero aquí os impostos páganse, coches hainos en todas as casas. A carretera que vén para chegar aquí co autobús ten unhas fochancas que ten que vir por outro lado porque non pode pasar. Á parte tamén foi polas fochancas que hai aí nesa carretera que vai a Freixeiro, pero estamos na mesma, porque isto leva así xa que é unha vergoña".

Os veciños din que se senten cidadáns de segunda e seguirán a pedir que se remate a obra para poder ter o que eles cren que merecen, unha vida normal.

Noticias web

07/02/2020