Os veciños da Milagrosa denuncian liortas continuas no barrio lugués
Veciños do barrio da Milagrosa, en Lugo, denuncian liortas o seu pan de cada día. Algúns dos locais de copas da zona son sinalados como lugares conflitivos sobre os que non hai a vixilancia policial necesaria.
É a enésima liorta ás portas dalgúns conflitivos bares de copas situados no barrio da Milagrosa, en Lugo. Unha vez máis varias persoas quedaron feridas e foi necesaria a intervención policial. Os veciños din que están xa fartos e teñen medo dunhas pelexas nas que as veces utiizan navallas.
Valentín Arias, voceiro da Unión de Asociacións Veciñais de Lugo: "Ocorre que xente que nada ten que ver con eles, que vive tranquilamente e que nese momento circulen por alí, temen verse metidos nesa lea".
Os veciños cren que a vixilancia policial é insuficiente e reclaman que se revisen as licenzas destes negocios de ambiente latino.
Valentín Arias, voceiro da Unión de Asociacións Veciñais de Lugo: "Cobren mesmo ás veces zonas con coches camuflados e sei que poñen interese, pero quizais non teñan tantos medios como para estar de xeito permanente".
Valentín Arias, voceiro da Unión de Asociacións Veciñais de Lugo: "Como están estes locais en plan de licenzas? Que horario teñen? Están en regra? Porque me parece que ata as oito ou nove da mañá non é posible que estean abertos".
Os veciños lembran que levan anos denunciando estes incidentes e temen que teña que producirse unha desgraza para que por fin se tomen medidas.