CRTVG

Buscar

Os usuarios de residencias só poderán saír unha vez durante as festas do Nadal

Publicado o 16/12/2020 18:05
Os usuarios de residencias só poderán saír unha vez durante as festas do Nadal

O protocolo de medidas elaborado pola Consellería de Política Social para este Nadal establece que os usuarios das residencias da comunidade só poderán realizar, como máximo, unha saída do centro durante este período, que deben permanecer cun grupo familiar estable e que se lles fará unha proba PCR antes de volver.

En concreto, o documento recomenda, como mellor opción, que os usuarios non abandonen as residencias durante estas celebracións, para evitar contaxios. Con todo, se é necesaria unha saída familiar, establécese un máximo dunha en todo o período de Nadal e que se programe "cunha duración mínima de cinco días".

A estancia "debe restrinxirse a un único domicilio familiar" e o grupo co que vaia estar o residente debe comportarse como un núcleo de convivencia estable, evitando interaccións con outras persoas.

Do mesmo xeito, recomendan o uso da máscara sempre que sexa posible. De regreso ao centro residencial, someteranse a unha proba PCR, ou ben test de antíxenos, como máximo 48 horas antes de volver, a unha enquisa epidemiolóxica e toma de constantes antes de regresar.

Os usuarios que saian deberán permanecer durante sete días ao seu regreso nun cuarto preferentemente individual, onde non poñan en risco outros internos, con vixilancia de sintomatoloxía e extremando as medidas de prevención en zonas comúns.

Estas medidas non serán de aplicación en persoas que desen positivo en covid-19 nos últimos tres meses. En caso de calquera síntoma ou sospeita, o residente deberá permanecer no grupo de convivencia familiar e se se detecta un positivo no ámbito da familia comunicarase "de forma urxente". Se se detecta un gromo no centro de orixe, o usuario non poderá regresar ata a súa resolución.