CRTVG

Buscar

Os turistas xa fan cola para mercar lotería de Nadal en Galicia

Publicado o 23/08/2021 15:22

É ver unha administración de lotería e pensar que a sorte está ao caer. Así deben de pensar os turistas e os peregrinos que visitan Santiago e queren volver á casa cun agasallo especial para o Nadal. 

"Veño de Xerez da Fronteira e tropecei co premio, co Gordo de Nadal". "Vimos de Almería, vimos que había moita xente aquí e imos mercar uns números, para ver se levamos un agasallo". "Somos de Sevilla, estivemos facendo o Camiño e a ver se a sorte nos sorrí", relatan algúns dos visitantes. 

Encontramos turistas e medio turistas, galegos e galegas que viven fóra, pero nas vacacións volven a Galicia. Veñen de Barcelona, de Sabadell, de Madrid e non queren marchar sen a súa aposta pola sorte.

Así o contan: "Sempre levo un de Santiago para alá, para o fillo e mais a filla, para Sabadell, que eu vivo alí". "Vimos a cola e compramos, sempre compramos lotería de Galicia e como estamos visitando Santiago imos levar un décimo". "Cando vimos a Santiago, que vimos todos os anos, compramos aquí a lotería, pero nunca compramos o Gordo, así que este ano tócalle". "De Galicia, sempre levamos de onde imos, un décimo"

Porque a sorte pode estar á volta da esquina e hai quen o ten claro e non vai deixar escapar o boleto premiado. Hai quen xa o ten na man: "30.295, o Gordo, para que veñan comprar outro".

Noticias web

23/08/2021