CRTVG

Buscar

Os triángulos de emerxencia poden substituírse desde hoxe por unha baliza luminosa

Publicado o 01/07/2021 14:37

Os triángulos de emerxencia do coche poderán substituírse a partir deste 1 de xullo por un dispositivo luminoso de sinalización de perigo V-16 de luz amarela, que se situará encima do vehículo inmobilizado.

Así se recolle no Real Decreto aprobado o pasado mes de marzo que regula os servizos de auxilio en vías públicas co obxectivo de garantir a seguridade. A baliza, que será de uso obrigatorio a partir de 2026, permitirá aos condutores sinalizaren unha avaría ou un accidente sen necesidade de camiñar 50 metros para poñer os triángulos na calzada.

Con este dispositivo mellórase a visiblidade do coche, sobre todo cando hai pouca luminosidade. Ten que estar homologado e a luz ten que ser de cor amarela. Ademais, ten que ser estable nunha superficie plana e non desprazarse, e a súa alimentación será autónoma a través dunha pila ou batería.

Máximo Pérez, experto en seguridade viaria, manifesta que a baliza luminosa ten que ter autonomía para escintilar durante 30 minutos e que sexa visible a 360 graos e lembra que o chaleco é obrigatorio se saímos do vehículo. A partir de 2026, o dispositivo terá que ter xeolocalización para que o resto dos condutores saiban onde hai un accidente ou unha avaría. Estas balizas poden atoparse en tendas de accesorios de vehículos e o seu prezo vai dos 9,90 ata os 30 euros.

Noticias web

01/07/2021