CRTVG

Buscar

Os tres equipos galegos da Primeira Federación queren repetir os bos resultados da pasada fin de semana

Publicado o 17/09/2021 14:19

Na Primeira Federación, o Rácing de Ferrol xoga esta noite no feudo do Estremadura, que dirixe Manuel Mosquera.

Tras empatar en Lezama e derrotar na Malata o filial do Valladolid, os ferroláns queren prolongar esta boa xeira queren seguir puntuando no Francisco de la Hera. O Estremadura chega a esta cita con 2 derrotas en tres partidos. Cristóbal non se fía do mal inicio dos de Almendralejo.

Cristobal Parralo, adestrador do Rácing de Ferrol: "Temos un rival tocado e ferido. Hai que evitar que marquen nos primeiros minutos".

Mentres, proba de alto nivel para o Deportivo coa visita mañá a Riazor do Badaxoz, rival directo polo ascenso que, como os brancoazuis, aínda non perdeu nin encaixou goles. A súa produtividade ofensiva, porén, está lonxe dos rexistros de impacto nos que se move o Deportivo neste comezo de Liga: tres goles por partido. Por primeira vez en ano e medio, todos os socios terán acollida no estadio. Borja Jiménez tempera a afervoada parroquia deportivista, que ve no seu equipo un líder sólido.

Borja Jiménez, adestrador do Deportivo: "Tranquilidade, isto é moi longo, comezar ben non significa que vaias rematar ben a temporada".

O Celta B completa o domingo a xornada galega na categoría. Recibe outro dos candidatos a todo, o Rácing de Santander.

Noticias web

17/09/2021