CRTVG

Buscar

Os tres detidos polo crime de Samuel non coñecían a vítima

Publicado o 07/07/2021 18:24

EFE/Cabalar

AXENCIAS               

O tres mozos detidos polo crime de Samuel Luiz na Coruña, dous homes e unha muller de 20 a 25 anos, son amigos entre eles pero non coñecían a vítima, informaron a EFE fontes da investigación.

Os tres, de nacionalidade española e veciños da Coruña, permanecen este mércores na Comisaría de Policía de Lonzas, onde están a ser interrogados. Non está previsto que pasen hoxe á disposición xudicial.

Mentres, continúan as pescudas con probas testificais e interrogatorios. Fontes próximas ao caso aseguraron a EFE que os axentes tomaron declaración ata o momento a 16 persoas e está previsto que esta mesma tarde o fagan con outras cinco. Tamén os investigadores seguen visionando as imaxes de cámaras tanto públicas como privadas que hai instaladas nesa zona co obxectivo de dirimir o sucedido.

Segundo as fontes consultadas, a investigación policial está "encamiñada", pero vaise paso a paso e con rigor para determinar a responsabilidade individual dos presuntos autores na morte de Samuel.

Sen descartaren ningún móbil da agresión, fontes próximas ao caso insisten a EFE en que os primeiros indicios sobre o que sucedeu ao redor do tres da madrugada do pasado sábado apuntan a unha pelexa que se iniciou na rúa ás portas dunha discoteca.

Unha videochamada realizada polo mozo de 24 anos xunto a unhas amigas foi o detonante. Un mozo empezou a discutir con Samuel, ao que reprochou que os estivese gravando. Entón saíron do local máis amigos do presunto agresor, que comezaron a pegarlle desde ese punto ata a Avenida de Bos Aires, uns 150 ou 200 metros de distancia.

Por iso, diversas fontes apuntan a EFE que se practicarán máis detencións proximamente, algo que tamén asegurou este mércores o delegado do Goberno en Galicia José Miñones. O delegado engadiu que non se descarta ningunha vía de investigación sobre o móbil do crime, "unha delas a homófoba", aínda que será o xuíz quen ditamine se hai delito de odio, precisou.

As amigas da vítima, que esta mañá volveron prestar declaración no cuartel de Lonzas, que insistiron na imposibilidade de dar "demasiados datos" e declararon por separado, comentaron que están "moi contentas por como está a levar o caso a policía" e apuntaron ademais que "esperan" que o xulgado correspondente "non decepcione moito". 

Noticias web

07/07/2021